Un país sen festas non é Galicia. Joaquín Martínez Silva.

Roubaron o Códice Calixtino, a nosa guía espiritual, ese libro de viaxes do camiño, así, como quen non quere a cousa. Pero non curtos, ollamos como a incompetencia fai uso dun profundo argumento político, e algún responsable do eido da cultura afirma a todo dar que é mellor suspender as festas, «por non poder ofrecer unhas festas de calidade». Patético ou conmovedor, ou as dúas cousas. Precisamos políticos profesionalizados ou de aquí non saímos.

Nas asignaturas políticas, a cultura é unha «maría», iso é ben sabido, e que, dentro da cultura, a música non ten o valor que lle corresponde, non é novo. A música non está en crise, están nela os que lles toca optimizala. A precariedade non é unha nova, pero ¿alguén pensa nun 15 de agosto en Galicia sen festas? Pois non, nin con todas as precariedades xuntas.

Se hai unha festa, un festival, unha romaría, un pasarrúas, é cando as caixas rexistradoras, os caixóns de madeira empezan a cantar, xerando riqueza, paradoxicamente, en epígrafes que nada teñen que ver coas actividades propias que Facenda rexistra dentro da música. Si, porque o combustible, as peaxes, os aloxamentos, o polbo, a roupa de estrea, o viño, a publicidade, os quintos, o coche altavoz, as rosquillas, o licor café ou o ferro do palco tamén bailan coa música. Todos teñen parella estable, todos bailan pero non contan; pouco serio para moitos, pero real e cuantificable. Así, a música emprega a moita xente, directa e indirectamente.

En AGEM traballamos na dignidade deste sector, velando polas programacións dentro da seguridade, legalidade e calidade que os nosos políticos lexislan e que raramente cumpren. Agora recibimos este ataque no Ano da Música, unha celebración que chega tarde e que tería moito que celebrar para poder cumprir os compromisos aos que a Consellería de Cultura se comprometeu. Temos problemas de recortes, pero iso non pode supoñer a destrución dun sistema produtivo. Por un lado, as Administracións afirman que somos un sector estratéxico dentro da economía, e por outro, que somos perfectamente prescindibles.

Agora, moitos opinan que hai que contratar artistas locais para aforrar. Estou de acordo, pero, non coa urxencia que require o momento, non podemos recoller onde non sementamos antes. Cada vez que xorde un artista nacional, este, co seu traballo, dá emprego aos traballadores nacionais. Esta é a ecuación. Fallamos na optimización dos nosos recursos, aquí cada un ao seu. "Fallamos sistematicamente e estrepitosamente na optimización dos nosos recursos, aquí cada un ao seu, e o de todos, non é o noso. Aínda así, ¿queremos ter unha marca país?. Pero, entonces, ¿que é o que queremos vender?. Para algúns un país sen festa. Difícil caracter.

Joaquín Martínez Silva «Kin» es presidente de la Asociación Galega das Empresas Musicais (AGEM).

Modificado o (Mércores, 03 Agosto 2011 12:54)

 



Próximos eventos
Non hai eventos próximos
Ver calendario completo
Xullo 2019 Agosto 2019 Setembro 2019
Lu Ma Mé Xo Ve Sá Do
1 2 3 4
5 6 7 8 9 10 11
12 13 14 15 16 17 18
19 20 21 22 23 24 25
26 27 28 29 30 31
Newsletter