13 de Novembro de 2025
Carlos Ares, Artista do Ano, e Gandy, Persoa do Ano 2025 nos I Premios da Industria Musical de Galicia
Estamos felices de anunciar que Carlos Ares foi elixido Artista do Ano 2025 e Francisco Gómez “Gandy” foi recoñecido como Persoa do Ano 2025 na primeira edición dos Premios da Industria Musical de Galicia.
Con estes dous galardóns queremos destacar tanto o talento artístico e a proxección internacional de Carlos Ares como o compromiso e a traxectoria profesional de Gandy, figura clave no sostemento e consolidación da escena musical galega.
Ademais, o Premio á Excelencia na Experiencia do Público, decidido por votación popular, foi para o Surfing The Lérez, recoñecendo o seu compromiso coa comunidade e a súa capacidade para ofrecer experiencias memorables ao público.
Carlos Ares, Artista do Ano 2025
Eliximos a Carlos Ares como Artista do Ano pola súa traxectoria e pola súa contribución á difusión da cultura galega. O artista consolidouse no circuíto nacional como un talento innegable, cunha identidade artística única e un directo que conquista seguidores concerto tras concerto.
Despois do éxito do seu álbum Peregrino (2024), Ares reafirmou o seu crecemento con La boca del lobo (2025), unha obra que combina raíz, vangarda e emoción. Actualmente, está a presentar o novo disco con 15 concertos esgotados en salas de toda España, confirmando o seu lugar como un dos artistas máis vibrantes da súa xeración.

Gandy, Persoa do Ano 2025
Recoñecemos a Francisco Gómez “Gandy”, desde Copra Producciones, polo seu labor fundamental e silencioso na consolidación da música en directo en Galicia.
Durante décadas, Gandy foi motor, apoio e inspiración para artistas, promotores e públicos. Con profesionalidade, respecto e paixón, contribuíu a crear espazos, conectar persoas e facer que a música suceda.
Como destacou a nosa presidenta, Patricia Hermida, este galardón é unha mostra de agradecemento colectivo “pola súa constancia, visión e entrega, e polo papel chave que desempeñou e desempeña na consolidación da escena musical galega”.

Premio á Excelencia na Experiencia do Público 2025
O público elixiu, mediante votación popular, ao Surfing The Lérez como gañador do Premio á Excelencia na Experiencia do Público.
Este recoñecemento destaca a capacidade deste festival pontevedrés para ofrecer experiencias únicas, poñendo ás persoas espectadoras no centro e facendo da música un punto de encontro, emoción e identidade compartida.
Gala de entrega dos Premios
A gala dos I Premios da Industria Musical de Galicia celebrarase o xoves 27 de novembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela.
Durante o evento coñeceremos tamén aos gañadores e gañadoras das 14 categorías xerais elixidas por un xurado profesional, nunha noite pensada para celebrar e fortalecer o talento galego e o noso tecido musical.
En AGEM seguimos construíndo futuro
Con estes recoñecementos, reafirmamos o noso compromiso de seguir impulsando a profesionalización, a visibilidade e a sustentabilidade da industria musical galega.
O talento, a paixón e o traballo conxunto seguen sendo o motor que fai posible que a nosa música non deixe de medrar.
Coa colaboración de:





