13 de Outubro de 2026

Nace PALCO, o primeiro punto de encontro da industria musical que se celebra en Galicia

Este outono, Galicia conecta a industria musical co nacemento de PALCO, o primeiro –e pioneiro– encontro sectorial da música na comunidade, impulsado por AGEM e a Xunta de Galicia a través da Agadic.

PALCO celebrarase en Santiago de Compostela ao longo de tres días, do 3 ao 5 de novembro de 2026, na Cidade da Cultura e noutras salas e espazos de interese repartidos pola cidade.

Nace coa idea de aportar visibilidade ao talento, aos proxectos e ao ecosistema musical galego, e de favorecer conexións e oportunidades entre artistas, empresas, programacións e institucións. Quere ser, ademais, un espazo para compartir coñecemento, activar relacións profesionais, presentar proxectos e abrir novas redes de traballo conxunto, reforzando Galicia como territorio de creación e de industria.

A presentación tivo lugar na Cidade da Cultura de Compostela coa participación de Jacobo Sutil, director da Agadic; Marcos Gómez Román, comisario do Xacobeo 2027; Patricia Hermida, presidenta de AGEM; e Daniel Vázquez, presidente de AGATEC, arroupados por entidades, profesionais e axentes do sector responsables do deseño colectivo da feira.

PALCO é o novo punto de encontro anual da industria musical celebrado en Galicia. Un espazo creado para dar visibilidade ao talento, conectar profesionais e impulsar novas oportunidades para a música feita en Galicia.

Patricia Hermida, presidenta de AGEM

Premios PALCO

No marco de PALCO celebrarase tamén a segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, rebautizados como Premios PALCO. A gala será na Sala Capitol de Santiago a noite do martes 3 de novembro, nun formato próximo pensado para favorecer a cooperación e a convivencia entre os axentes da industria musical galega. Os premios poñen en valor traxectorias, proxectos e iniciativas que destacan pola creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade, e enmárcanse no Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, asinado por AGEM co impulso da Xunta.

Toda a información, as convocatorias e as novidades do encontro están na páxina oficial de PALCO.